La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En vinte anos, nunca fun capaz de entender a complexa relación que os suecos teñen coa bebida. Ao final, cheguei á conclusión de que se parece bastante á relación que nós tiñamos co sexo antes da revolución dos costumes que dun xeito gradual e case insensible se foi producindo tamén no noso país. Velos na cola das tendas de alcohol coa cabeza gacha, como se estivesen pecando, ten unha indubidable semellanza co puterío, é dicir, igual que atopar unha persoa honorable nunha casa de lenocinio.

Son bebedores ocultos e torturados, chimpavasos. Moitas veces, cando un os ve beber con tan pouca graza, ten a impresión de que non o fan polo pracer de degustar algo que lles sabe ben, senón por amodorrarse. Algo así como se batesen cun mazo na cabeza.

Un dos crimes máis vergonzantes que hai aquí, destilar alcohol na propia casa, está alcanzando uns niveis altísimos. Coa crise económica, uns destilan para non ter que comprar augardente, que é caro; outros para vender, que pode ser un bo negocio; algúns, finalmente, para esquecer que están no paro. Co cal xa se empeza a dicir que a dereita no poder, incapaz de resolver a crise que prometeu resolver, polo menos vai situar a Suecia na cabeza dos países produtores de alcohol. E sen cultivar unha soa uva.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16  de xullo de 1993.