La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Recordo moi ben os días aqueles, hai trinta anos, cando na prensa de todo o mundo apareceron as fotografías do Che Guevara morto en Bolivia. Unha amiga miña e mais eu dedicámonos durante varias horas a examinar con lupa as fotos para chegar á conclusión, absolutamente clara e indiscutible, de que eran falsas. Nunha tarde, conseguimos elaborar toda unha teoría, racional e sen fisuras, destinada a probar que se trataba dunha montaxe infame organizada polos servizos secretos americanos, é dicir, a CIA.

Anos despois, viaxando por Asturias con Mario Onaindía no vagón do tren que utilizaba Franco, contoume que cando el estaba condenado a morte, despois do xuízo de Burgos, tiña o convencemento, compartido polos seus compañeiros, de que non habería indulto, senón que ETA os sacaría do cárcere antes da hora fatídica.

Naturalmente, as fotos eran do Che Guevara e Mario Onaindía e os seus colegas non foron rescatados da prisión, senón que se beneficiaron dun indulto arrincado polas protestas multitudinarias que se organizaron en toda Europa. A loucura, aínda que sexa benigna, impide sempre entender a realidade. A estas alturas, eu non sei se o Che padeceu tamén deste mal cando trataba de arranxar o mundo. En todo caso, escribiu unha frase dunha enorme decencia política: “Na dureza, non se debe perder nunca a tenrura”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15  de xullo de 1997 .