La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Desde hai algún tempo anda polas librerías, impresa de novo, aquela Enciclopedia que se estudaba nas escolas hai corenta ou cincuenta anos. Era libro único, onde viña de todo, tanto a historia, como as matemáticas ou a historia sagrada. Sabendo aquilo, supoño que un podía considerarse case un sabio, aínda que non resultaba fácil aprendelo. Eu tiven un compañeiro que presumía de poder recitar de memoria as primeiras trinta e sete páxinas seguidas, sen perder unha coma. Non sei se era certo, porque cada vez que o mestre lle preguntaba a lección e non a sabía, escusábase en que nunca lle tocaba a parte que tiña estudada.

Onte estiven vendo con certa parsimonia a citada enciclopedia da miña infancia. Chamoume a atención descubrir que recordaba mellor os santos, que era como os nenos lle chamabamos aos debuxos, que a letra. Unha ilustración bíblica, na que se ve a Caín e a Abel, fíxome revivir horas divertidas, como cando un compañeiro de pupitre, a preguntas do profesor, dixo que Caín era o rei don Rodrigo.

Houbo outra imaxe que me trouxo lembranzas. Refírome a unha lección de historia de España na que se empregaba a palabra “aniversario”. Cunha audacia infinita e cunha seguridade preocupante, corrixín o que eu determinara que era un erro e puxen por riba, usando coidadosamente unha daquelas plumas de gallas, o termo “universario”. Foi o meu pai quen me sacou do erro e quen tratou de restaurar con paciencia o desperfecto cultural e material que eu tiña causado. Non se riu de min, non obstante. Só me dixo que, en xeral, os libros non estaban equivocados. Creo que fixo ben. Non hai cousa peor que un parvo seguro de si mesmo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de xullo de 1998.