La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

As persoas que fuman puros saben ben que existen unhas caixas de madeira acondicionadas para preservar a humidade dos habanos. Hainas de todos os prezos, desde vinte mil pesetas ata cifras dez veces superiores. Na tenda de Davidoff, en Xenebra, unha especie de paraíso para os afeccionados ricos e unha fonte de gozo visual para os pobres sen envexa, eu vin os humidificadores máis fermosos do mundo, fabricados en madeiras nobres, brillantes como esa luxuria que, por estética, deixa de ser pecado.

Ao presidente Kennedy, que fumaba uns excelentes cigarros traídos de Cuba, Deus sabe como, cando el mesmo tiña decretado o embargo comercial coa illa gobernada por Fidel Castro, un día regaláronlle unha desas caixas. A persoa que lle fixo o obsequio, o comediante Milton Berle, gastou niso uns seiscentos dólares. Na poxa que se celebrou recentemente en Londres, na que se puxeron á venda algúns obxectos que foron propiedade do presidente e da súa dona, a caixa para gardar os puros alcanzou unha cifra altísima, arredor duns cincuenta millóns de pesetas.

O seu primeiro propietario, é dicir, o home que no seu día lla regalou a Kennedy, tivo que renunciar a recuperala e resignouse a ver como ía parar ás mans dun ricachón americano. Un regalo pódese facer con poucos cartos; para mercar a historia, cómpre unha fortuna.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de xullo de 1996.