La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A viaxe de Tallinn a San Petersburgo, separadas por pouco máis de trescentos quilómetros, durou nove horas. Unha parte de todo ese tempo pasámola parados na fronteira rusa, mentres os policías controlaban os pasaportes un por un e con coidado, escribían, miraban debaixo dos asentos e usaban toda a parefernalia da burocracia máis pesada que un poida imaxinar. Estamos de novo, despois da experiencia de Kaliningrado, no territorio da ineficacia e do desastre organizativo. Xa nos cambiaron o programa catro veces.

Desde o tren puiden observar que as cousas non mudaron desde que eu andei por aquí hai anos, cando aínda era a Unión Soviética. As mesmas casas miserables, feitas de parches, as mesmas chabolas, a mesma pobreza na maneira de vestir. Supoño que agora, ademais, haberá máis mendiños que entón, que xa non había poucos. Preto da estación vin xente revolvendo no lixo. Por outro lado, nunha guía de San Petersburgo lin que nos cuartos do noso hotel, un dos importantes, non hai seguridade.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de xullo de 2000.