La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Recordo unha conferencia de don Vicente Risco, sempre tan premioso e torpe na dicción que tiña que apoiarse de maneira constante en palabras como “coño” ou en frases como “morra o conto”, pero tamén sempre tan agudo, tan suxerente e tan sutil. Falaba da historia de Galicia e das súas desgrazas, fixándose sobre todo na responsabilidade dos propios galegos, non nos agravios nin nas incomprensións dos de fóra, unha simpleza que resultaba incompatible coa maneira de pensar daquel home orixinal e intelixente.

En vez de repetir o tópico da culpabilidade dos Reis Católicos, dixo que prefería recalcar a torpeza e a responsabilidade dos nobres galegos, dos que asegurou que sempre tiveran o raro privilexio de equivocarse de bando en momentos decisivos para a historia do país. Puxo os exemplos das guerras entre don Henrique e don Pedro, e entre dona Isabel e dona Xoana, máis coñecida como Beltranexa.

Na actualidade, os nobres carecen de protagonismo na vida pública, que está practicamente nas mans dos políticos. Como antes aqueles aristócratas poderosos, estes señores de hoxe teñen tamén as súas pelexas e as súas guerras, menos cruentas e dramáticas que noutros tempos, pero de importancia non menor para os intereses do país. Son conflictos que non só os afectan a eles, senón a todos nós. Por iso non estaría de máis que antes de entrar en batalla pensasen que equivocarse de bando pode resultar fatal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de xullo de 1993.02