La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Entre as lembranzas daquel Ourense do principio dos anos sesenta, das que falei aquí nestes días pasados, vénme á cabeza unha cousa que fixemos unha noite na Rúa da Paz, onde vivían don Ramón Otero Pedrayo e Xaquín Lorenzo, este máis coñecido como “Xocas”. No mesmo edificio do último, fronte por fronte da casa de don Ramón, residía Julio Losada, un personaxe ben coñecido na cidade, lector impenitente, conversador xenial e amigo de escritores, pintores e demais xentes da cultura, por máis que el se dedicase fundamentalmente aos negocios. Iso non lle impedía ter un libro de Neruda dedicado e confesarse devoto dun único santo: Pío Baroja.

En Ourense, Julio Losada é tan necesario para a personalidade local como o poden ser As Burgas, a Ponte romana ou o Santo Cristo. Ninguén sabe máis contos ou historias, e ninguén as conta mellor. Eu sempre o considerei o meu mestre nesta cousa de narrar. Como homenaxe saqueino nun dos meus libros, co seu nome e apelidos, e cun remoquete que o presentaba   como “culto millonario ourensán”. Naquela época, Julio Losada era tan importante para nós, pintores e escritores novos, e queríamolo tanto, que un día decidimos facerlle unha homenaxe. Pola noite, xa ben entrada a madrugada, dirixímonos en grupo, case en procesión, ata a rúa onde residía, que como dixen era a Rúa da Paz.

Alí collimos a un dos pintores, creo que Xaime Quessada, axudámolo a subir empuxándoo polas pernas e polas costas, e alzámolo ata a altura do rótulo que daba nome á rúa. Sobre o fondo branco de louza, escribiu con lapis: Rúa de Julito Losada. O outro día amoseillo a José Ángel Valente. Vese que o tempo sabe conservar as cousas de verdadeiro valor.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de xullo de 1998.