La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A glosa que o amigo Arturo Lezcano fixo onte do artigo  no que eu falaba aquí dun periodista ourensán que escribía cunha sintaxe curiosa, refréscame a memoria daqueles anos e recórdame a lea que o citado señor armou un día cunha vaca. Na súa divertida columna diaria contou unha historia da que só quedaba claro que os protagonistas eran o citado animal e un paisano, ambos os dous veciños do escritor, pero non se sabía ben se o home golpeaba ao bicho nun corno ou era o bicho quen acababa escornando ao home.

Así llo fixo saber don Vicente Risco na tertulia, que lle pediu que aclarase o suceso. O periodista, que era un home bo e posuía unha cultura que chegaba ata o século XVII, tratou de defender a prosa do artigo cos argumentos que mesmo se baseaban na sintaxe latina de Bassols de Climent que na concepción barroca do enxeño.

Ao día seguinte volveu sobre o tema, facéndose eco da pregunta de Risco. O resultado foi que na segunda versión xa non se conseguía saber se os cornos eran do home ou seguían estando na cabeza da vaca. O follón, pregunta vai e pregunta vén, durou aínda unha semana. Do que sucedeu realmente no prado, nunca se soubo. Días despois, con motivo dunha corrida de touros celebrada en Ourense, o periodista escribiu: “De vacas y toros, escribir mejor no; cuernos mediantes, fatal el error. Para el hombre”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de xuño de 1994.