La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cóntase que Cornelius Vanderbilt, un dos homes máis ricos do mundo, fixo a súa fortuna grazas a que non lle gustaba estudar. Cando acababa de cumprir os once anos, abandonou a escola e meteuse de pinche no porto de Nova York. Antes de cumprir os dezaseis, xa era dono dun barco; pasados os cincuenta tiña o monopolio do transporte marítimo dos Estados Unidos; no momento en que se fixo público o seu testamento, a familia descubriu entusiasmada que aquel vello aforreta lles deixaba máis de cen millóns de dólares.

Entre os seus herdeiros, houbo de todo, pero abundaron os desastres. Algún deles, creo que un tal Cornelius, pois o nome do fundador foise repetindo sen parar, era amiguete de Ernest Hemingway e de Scott Fitzgerald, deulle á botella tanto coma eles e dedicouse á vagancia, a pesar de que era bastante agarrado.

Isto da tacañería debía ser propio da xente da casa, porque, segundo ten contado Billy Wilder, cando el era periodista en Berlín, un día saíu de copas cun dos Cornelius Vanderbilt, que comeu tres hamburguesas e bebeu catro cervexas, pero non pagou nada porque non levaba un céntimo enriba. Agora, tal como contan os periódicos, unha das mulleres da familia, Gloria Vanderbilt, está na ruína, despois de que o fisco lle cobrase máis de mil millóns de pestas. Con todo, algúns aforriños ha ter escondidos no calcetín.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de xuño de 1995.