La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O avión que me trouxo de Nova York ata Madrid viña abarrotado de rapaces e rapazas americanos en viaxe de estudos. Coincidín con dúas mociñas, compañeiras de asento, que querían practicar español e saber cousas de España. Unha delas díxome que tiña “un gripe muy rebeloso en la garganta”, agravado polo frío do aire “condicionado”. A min, esta forma de falar mal dos estranxeiros gústame moito. Na miña mesma casa tiven hai anos exemplos magníficos, que nunca corrixín, precisamente por iso.

Claro que me teñen cobrado na mesma moeda. Nunha ocasión, viaxando con Ramón Piñeiro e outros amigos por Alemaña, en dous coches, camiño de Suecia, perdemos as catro persoas que ían no outro auto, que se despistou en Colonia. Eu chamei a Halmstad para averiguar se telefonaran alá e dixen un disparate divertido.

Dixen exactamente, falando en sueco, “que me caeran do peto catro amigos”, igual que se perdera unhas moedas. Utilicei o verbo tappar, que significa perder algo, pero nese sentido, nunca no que eu lle pretendía dar. Aínda hoxe mo recordan. De maneira que me sinto con autoridade moral para pasalo ben sempre que atopo algunha persoa que fala desa forma. Por outra parte, metido seis horas nun avión, sen ganas de aturar a película que nos puxeron, o español daquelas rapazas fíxome a viaxe algo máis levadeira.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de xuño de 1997.