La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Os rusos de Kaliningrado armaron con nós a marimorena. Un coche da policía, coa sirena posta, abre paso aos nosos autobuses para que non paren nos semáforos. Contamos con tantas azafatas como escritores. Tivemos que facer ofrendas florais a Schiller, a  Pushkin e a Kant. Participamos nunha homenaxe aos mortos da II Guerra Mundial, na que se soltaron pombas brancas. Plantamos unha árbore como recordo do paso do Expreso da Literatura pola cidade e destapouse unha placa conmemorativa do suceso. Todo iso nunha soa tarde.

E máis aínda. Entre as sete e as dez asistimos a unha velada na catedral, na que houbo un concerto de música clásica, cinco ballets, un rapaz de catorce anos que cantaba moderno, un recital de poesía  con nove poetas, dous discursos do gobernador, un do xefe do tren e unha traca final que dicía Milenium. A continuación leváronnos a un barco enorme no que había un pianista en cada salón, un señor facendo de médico na enfermería e centos de persoas. Rematamos cunha cea na cuberta… Ata mañá.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de xuño de 2000.