La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Na Bienal de Venecia acaba de ocorrer un escándalo. Un pintor ou escultor xaponés, que a especialidade non está clara, presentou unha obra que consistía nunha caixa de metacrilato chea de formigas vivas. Os bichiños ían e viñan dentro do artefacto, subían e baixaban polas paredes transparentes, daban voltas dun lado para outro, como desorientadas ou entolecidas. Polo menos esa era a impresión que lles causaron a algúns dos visitantes, pois o que verdadeiramente sentían as formigas non se sabe.

Unha señora amante da arte moderna, pero máis amante aínda dos insectos, presentou unha denuncia no xulgado por crueldade manifesta contra os animais, o cal parece que na lexislación italiana está penado pola lei. Como consecuencia da acción desta muller, un xuíz ordenou a liberdade das formigas, que foron sacadas da citada caixa e abandonadas no medio dun bosque.

Sorte para os bichos, que se beneficiaron da sensibilidade humana dunha visitante de carácter forte e coas ideas claras. Por suposto, como era de esperar, xa hai polémica. Para os  afeccionados á arte, a decisión do xuíz non deixa de ser un atentado intolerable contra a cultura. Un río de tinta ameaza con inundar Europa de argumentos indignados a favor da liberdade dos artistas, como se a arte universal estivese en perigo. A min gustaríame que alguén me defendese deles, igual que se eu fose unha formiga.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de xuño de 1993.