La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non me acordo como se chamaba, pero estou vendo con claridade o seu rostro gordiño de paisano calmoso e feliz, nada elegante de aspecto, máis ben torpe, bastante bardallas e algo desaliñado. Fora xefe dos servizos secretos suecos uns anos antes e estaba contestando ás preguntas que lle facían os membros dunha comisión de investigación parlamentaria. Agrandada a súa face na pantalla do televisor, tiña algo de factura vexetal, quizais de tubérculo. Desde logo, a min recordábame unha pataca.

Unha feitura humana tan impropia do cargo poderoso que desempañara, predispuña a xulgar a aquel home con indulxencia. Cando dixo que case nunca enviaba espías suecos a realizar misións de información en países estranxeiros porque acababan perdéndose nos autobuses, a indulxencia convertíase en aberta simpatía.

No ano 1943, o xeneral americano L. Groves, director do proxecto que fabricou a primeira bomba atómica, escoitou dicir a Oppenheimer, cerebro do plan, que estaba casado cunha antiga comunista, que tivera unha amante comunista e que era irmán dun comunista. O militar non lle deu importancia á confesión porque o sabio lle pareceu  boa persoa. Un libro publicado agora permite pensar que o xeneral puido ser un irresponsable. Pero pasado o tempo e todos a salvo, quizais non fora máis que un infeliz.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de xuño de 1994.