La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Mentres escribo, está a bubela subida no alto dun poste de pedra dicindo sen parar o seu gracioso bu-bú. Había anos que non se deixaba ver, pero leva xa varios días dando voltas por aquí. Chega pola mañá cediño, empoléirase no mesmo sitio onde está agora, canta un pouco e logo baixa ata o céspede a buscar comida. Vai dun lado para outro, enterra na herba o seu longo peteiro cun ritmo rápido e nervioso, extrae non sei que clase de bichiños, que engule con avidez, e logo pasea polo xardín a alegría exótica do seu colorido. É un dos paxaros máis fermosos de cantos se poden ver en Galicia.

Non obstante, entre os paisanos non ten boa fama. Din que cheira mal. Non sei por qué, a crista da bubela faime pensar nese alboroto de pelos rebeldes que Yeltsin loce no cogote, reminiscencia seguro dun pasado infantil rebelde e traste, incluso atolado, se lle engadimos o dato da mutilación dos dedos dunha man, suceso ocorrido cando manipulaba un petardo. Probablemente esta asociación de ideas entre o político e o paxaro se produce cando deixo de mirar pola fiestra e volvo pousar os ollos no periódico, onde me atopo cunha foto de Yeltsin feita durante o seu paso por América.

Desde logo, o símil remata no pelo. Nada máis. O político ruso carece da graza exótica da bubela, ten unha solidez eslava que fai pensar máis nun oso ou nun elefante que nunha ave e non parece esconder ningunha sorpresa entre a realidade e a aparencia, quero dicir que nada indica que sexa fermoso por fóra e feo por dentro. Claro que, despois do discurso anticomunista que pronunciou o outro día nos Estados Unidos, os máis fervorosos e pertinaces discípulos de Marx e Lenin estarían dispostos a comparar a Yeltsin con calquera cousa mala, non xa cunha inocente bubela, por mal que cheire, senón con calquera bicho ruín, terrible, noxento. Non sei cal podería ser.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de xuño de 1992.