La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando eu rematei os meus estudos, alá polos anos sesenta, obtiven unha praza como profesor interino nun instituto. Descubrín entón que os alumnos tiñan moitas dificultades coa lingua, tanto que nunha ocasión, un rapaz preguntoume que significaba a palabra “trofeo”. Outra vez tiven que explicar nunha clase de COU o significado de “taciturno”, que unha rapaza pensaba que tiña algo que ver cos homes que andaban en cuadrilla bebendo polos bares de noite. Logo xa me afixen a que as cousas eran así.

Ao principio saquei a conclusión, que logo non se confirmaría na realidade, de que aquel era un problema tipicamente hispano, relacionado coa penuria do sistema educativo de entón. Non tardaría en comprobar que en países con máis medios tiñan as mesmas carencias. Agora xa sei que se trata dunha especie de peste universal.

Onte mesmo estiven lendo nun periódico sueco unha reportaxe que falaba dos medios técnicos con que contan os nenos daquel país que temporalmente residen no estranxeiro. Por exemplo, desde Moscova poden ver nunha pantalla de televisión, e falar con eles en directo, aos seus profesores de Estocolmo. A pesar de todo, segundo explicaba un dos mestres que atenden persoalmente os alumnos, estes preguntan ás veces que significa “tarde” ou “bidueira”. Esperemos que tarden en preguntar que quere dicir a palabra “mazá”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de xuño de 1997.