La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola mañá, despois de cumprir co meu deber como cidadán europeo, fun ler os periódicos a unha terraza, fronte o mar. O día era espléndido e deseguida empezou a aparecer xente con cara de querer gozar do lecer azul do domingo. Uns, camiño da praia; outros, dirixíndose aos bares da zona; os máis vellos a pasear polo peirao, de tertulia ao pé das lanchas varadas.  A iso da unha, chegaron os primeiros pescadores de liña, cos aparellos dispostos para levar unhas cabalas para a cea sen arriscar demasiado.

Antes de comer, viñeron tamén os meus para pasar o día fóra. Acompañábaos unha amiga alemá, a tradutora coa que traballei en Berlín hai menos dun ano, e que leva uns días na casa. Estivemos, xa que logo, moi de acordo co carácter europeo do día: eramos cinco persoas, pero soamente un nacido nesta parte do mapa.

Das eleccións falamos o xusto para saber que dos dous que podiamos votar, eu fun o único que o fixo. Tratei de explicar por que, pero deume a impresión de que non era demasiado convincente. Nese momento, un señor que pasaba por diante de nós fixo contra o chan unha limpeza sonora e salvaxe de bronquios. A miña amiga alemá preguntoume con sorpresa se iso estaba permitido. Díxenlle que non se trataba dun problema legal. Entón pensei que o meu voto europeo, co tempo, ao mellor acabará servindo para algo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de xuño de 1994.