La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai séculos roubaban, mataban e violaban, pero hoxe os daneses son xente agradable e pacífica, altamente civilizada. Viven nun país que parece un xardín de cromo, plano como o deserto, cunha soa altura de nome cómico que visitan todos os escolares nas excursións de fin de curso. Están rodeados por un mar de cor gris, ás veces incluso chocolate, que se mete entre illas, illotes, penedos e rochas, pero que no verán chega a ser deliciosamente azul. Os daneses aman a independencia, contan as coroas unha a unha e beben a súa riquísima cervexa en cantidades moi pouco moderadas.

Estes días andan nos periódicos porque un chisquiño máis que a metade votaron que non no referendo en contra dunha maior integración en Europa. Podían andar por outras razóns. Por exemplo por seren a sede do castelo de Hamlet ou porque o rei anterior apareceu un día retratado publicamente en bañador para mostrar como tiña tatuado cada centímetro de pel non visible, sen que houbese escándalo de ningún tipo. Despois de todo, era o mesmo rei que coa súa valentía e sentido do deber, paseando en bicicleta todos os días polo centro de Copenhague, lles deu ánimos para resisitir a invasión dos alemáns.

A pesar das aparencias, o pensamento dos daneses nestes momentos non está tanto en Maastricht, esa fermosa cidade holandesa que de pronto se fixo famosa en toda Europa, como nas estradas do seu propio país. Algúns andan preocupados porque de agora en diante as motos poderán circular polas autoestradas a 120 quilómetros por hora e non a 100, como era habitual. Os máis felices son os motoristas, aínda que algúns se queixan de que resulta excesivo que se poidan pagar multas de ata cen mil pesetas*. Claro que estas quedan reservadas soamente para quen circule a 220 quilómetros por hora, un alarde que pode danar o mesmo a carteira que a cabeza.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de xuño de1992.

(*) 600 euros, aprox.