La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Escribo este artigo o venres pola tarde, en Madrid, cando faltan poucas horas para coller o tren que nos vai levar ata Bordeos, a onde está previsto que cheguemos o sábado pola mañá. A xente ten ganas de abandonar Madrid. Despois da magnífica organización dos portugueses, aquí todo transcorreu dunha maneira moi diferente, desde usar un só autobús de cincuenta prazas para meter os cento cinco escritores e as coordinadoras, ata ter que pagar a entrada no Museo do Prado, sen esquecer a impericia lingüística de guías e responsables de grupo. Será difícil explicarlles aos nosos colegas estranxeiros que non sempre é así.

Iso era o que trataba de facer eu coa miña compañeira de asento, unha escritora británica de orixe nixeriana, cando o noso autobús se atrancou nunha rúa por culpa duns coches mal aparcados. O chofer pitou, logo chamou á grúa, a continuación os armenios intentaron mover os vehículos a pulso, ao final apareceron os propietarios correndo.

O número durou un cuarto de hora. Os impacientes puxéronse a protestar, alguén da organización madrileña deu a orde de baixar para seguir a pé, aínda que faltaban algúns quilómetros para chegar ao destino. Nese momento arranxouse todo, o autobús seguiu adiante, olvidándose dos que ían andando, que tiveron que correr uns centos de metros para subir de novo. Menos mal que os nosos amigos o entenderon como unha forma pintoresca dun caos que daban por propio deste país e empezaron a facer comentarios festivos. Supoño que a reacción indica tamén que a xente está contenta. Por certo, que o xoves houbo unha mesa redonda con iugoslavos, bosnios e croatas. Saíu perfecta.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de xuño de 2000.