La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Polos periódicos sei que o novelista peruano Alfredo Bryce Echenique ten problemas cunha familia do seu país que se sente infamada nunha das últimas novelas do escritor. Non me sorprende. Hai anos, Bryce contábanos aos amigos unha divertida historia da que facía protagonista a unha das súas irmás, que non saía demasiado favorecida. Posteriormente, esa mesma anécdota converteuna nun conto titulado “Anorexia y tijeritas”, bastante cruel. Para vivir, Alfredo necesita historias e contos como se fosen aire.

Non coñezo ningún outro escritor que teña máis graza ca el contando vivencias persoais, das que non se libra nin sequera o seu irmán xordomudo. Hai que dicir que Bryce é un home educadísimo, sen maldade, pero que é capaz de vender a alma da súa  familia por unha historia divertida. De aí naceu toda a súa magnífica literatura.

Nunha ocasión sacou nun dos seus libros a don Volodia Teitelboim, que é un escritor chileno amigo de Neruda. Alfredo Bryce contou que, estando os dous en Cuba e residindo no mesmo  hotel, en cuartos contiguos, polas mañás, aproveitando que don Volo madrugaba e baixaba a pasear á praia, metíalle no cuarto os libros que lle regalaban os cubanos e que el non quería para nada. A vítima, cando leu isto, enfadouse e mandoulle un paquete descomunal por correo a portes debidos. Outra historia para Bryce.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de xuño de 1997.