La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O verán pasado, cando estaba en Nova York, unha noite vin na televisión un senador aínda novo, de aspecto agradable, pero moi duro nos xuízos contra Clinton. Nun momento, despois de afirmar que se avergonzaba del e de facer unha defensa firme dos valores da familia, tivo que responder unha pregunta do periodista que o interrogaba, o cal quería saber como se podería comportar o entrevistado nunha situación similar a aquela pola que estaba pasando o presidente. Sen dubidalo, o senador dixo: “Eu nunca podería atoparme nesa situación porque tampouco sería capaz de  mentir como el mentiu”. Automaticamente, deume a risa.

Díxoo dunha maneira como só pode dicilo un golfo, é dicir, con ese radicalismo moral perfectamente apreciable no ton, nos xestos e nos movementos da boca (esa delatora que nunca engana, ao revés do que sucede cos ollos) que nos fai pensar, sen dubidalo, no contrario do que nos están predicando. O caso foi, non obstante, que non volvín saber do senador ata hai un par de días. Agora teño noticias.

Supoño que este artigo podía acabar aquí, da mesma maneira que o retrato do personaxe, para min, estaba feito e rematado o mesmo día en que o escoitei na televisión. Con todo, quero dicir que, segundo acabo de ler nunha revista de alá, o citado señor é  un mentirán, ademais de que lle dá á botella, un defecto que lles censura a outros, e polo que respecta á familia, compórtase moi mal coa propia nai e non se lle pon ao teléfono a un irmán que tamén bebe e parece ser un pouco crápula. Nada máis, a non ser que os compañeiros de partido o critican en privado, pero o eloxian en público. Cuestión de tempo: os golfos acaban case sempre no seu sitio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de xuño de 1999 .