La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O venres pasado estiven en Xinzo de Limia, falándolles aos alumnos dun colexio. Gustoume recordar que me atopaba sobre o chan do antigo Campo da Seara, onde xoguei tantos partidos  de fútbol co Antela, o equipo da miña vila, para o cal metín algúns goles en partidos de moita paixón e bastantes nervios. Quen non coñeza o pracer de provocar unha explosión de alegría desbordada no público cun remate afortunado, está privado de emocións que resultan difíciles de sentir en ningunha outra circunstancia.

Eran moitas as lembranzas que me podían baixar ata a memoria. Por aqueles arredores fumei o meu primeiro pito clandestino e foi tamén por aquelas escuridades onde me perdín coas pirmeiras rapaciñas que me permitiron collerlles a man. Emocións fortes, desas que soben desde o fondo da alma e fan cóxegas na pel.

Foron, en cambio, os recordos relacionados co balón os que se impuxeron aos demais. Os alumnos do colexio, non  obstante, quería que lles falase dos meus libros. E na miña cabeza só había unha idea fixa: máis ou menos desde a posición que ocupaba detrás da mesa, marqueille unha vez un gol a Madriles, o porteiro do Ourense. Ao final da charla, os rapaces viñeron a que lles firmase autógrafos. Tiven que facer un esforzo para convencerme a min mesmo de que en realidade non acababa de xogar un partido de fútbol.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de maio de 1994.