La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Nova York, un empresario de variedades que utiliza carneiros no seu espectáculo, decidiu avisar a sociedade que vela pola protección dos animais para que un inspector acudise aos ensaios a comprobar que non se producían abusos nin malos tratos. Era unha medida intelixente e precavida, baseada na experiencia: cada vez que se empregan bichos no escenario, unha multitude de almas celosas asisten á función con ollos críticos, dispostas a anunciar calquera actuación inapropiada, inxusta ou humillante.

Fose porque as persoas encargadas de facer o número cos carneiros estivesen máis nerviosas que outros días a causa da presenza do inspector, ou fose porque os propios animais percibisen un clima diferente ao doutras veces, o caso é que o ensaio resultou unha catástrofe: cables mordidos, excrementos polo chan, berridos…

No medio do follón, cos carneiros saltando entre as butacas, perseguidos polos empregados, que trataban de protexer as alfombras, o inspector invitado ía e viña, preocupado porque os dereitos dos bichos non fosen violados. Grazas á súa presenza, as ameazas quedaron entre os dentes e as ganas de andar a golpes con eles diluíronse na furia contida das miradas. Reconquistada a calma, o protector marchou para a casa. O que puido pasar despois, en segredo e cos nervios desatados, quedaba fóra do seu horario.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de maio de 1994.