La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O xoves pola tarde fun ata a Pobra do Caramiñal para presentar alí o libro que o comandante Soutomaior, natural daquela vila, escribiu para explicar como, no ano 1961, secuestrou o transatlántico portugués Santa María, cando este facía a travesía desde A Guaira, en Venezuela, ata Vigo, pasando por Miami. O propósito do libro é reivindicar o papel do autor naquela aventura, ademais do que lles correspondeu aos galegos que o acompañaron, escurecido polo protagonismo do célebre capitán Galvão, portugués. Trátase do cuarto libro que trata deste asunto. Dos outros, un ten un título raro: Robar un transatlántico no es lo mismo que robar una gallina.

O libro lese como unha novela de aventuras, sobre todo a primeira parte, na que se conta como vinte individuos mal armados, case sen organización, algúns deles algo toliños, se fixeron co control dun barco que transportaba unhas mil persoas. Non querían outra cousa que chamar a atención sobre Franco e Salazar.

Hai un episodio no libro que me parece maxistral e que supoño que retrata moi ben a personalidade de Soutomaior. É cando un avión americano, despois de localizar o barco no Atlántico, dá un par de pasadas rasantes sobre a cuberta, como querendo asustar os secuestradores. No momento en que o xefe galego ve que o avión enfía de novo pola proa, dá ordes firmes e terminantes para repeler a agresión, non con armas, senón coa luz dun potente reflector. Está contado dun xeito heroico, magnífico, sobre todo o instante no que os pilotos americanos, derrotados polos focos, foxen co rabo entre as pernas, mesmo coma se os galegos os alcanzasen cun mísil.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de maio de 1999.