La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Falei onte aquí deses cabalos de Cunqueiro que sabían idiomas. Concretamente referíame a Liofante, aquel tordo de Fanto Fantini della Gherardesca que falaba sete linguas, entre  xermánicas e latinas, pero descoñecía o provenzal. Era fillo de húngaro e toscana. Ademais desa graza de políglota, o citado cabalo tiña outras propiedades, entre elas a de non rinchar nas noites de guerra aínda que andasen as eguas nas proximidades e a de seguir o rastro dun inimigo só con darlle a cheirar unha prenda, igual que se fose un can. Por certo, era amigo dun destes, un tal Remo, tamén moi listo, que entendía latín, daba ben a perdiz e ía buscar viño á adega.

En cuestión de animais, Cunqueiro coñeceunos fantásticos, como a mona Currita, portuguesa, que chegou a traballar no aramio diante do Patriarca de Constantinopla, aínda que se negou a dar o dobre salto mortal porque descubriu que entre o público había un torto, cousa que a puña moi nerviosa. Coñeceu tamén Cunqueiro unha perdiz que falaba e que foi vendida por cen pesos.

No tocante a gatos, non recordo moitos, pero hai un no libro Merlín e familia que lembro con interese. Chamábase Ceris, era natural de Bretaña e tiña a desgraza de ser albino e cego, pero coa propiedade de que os pelos do seu bigote valían para tirar dos ollos da xente as areas que se lles metían dentro. Supoño que debían de ser uns pelos duros e tesos, non como os do meu gato Samuel, que son máis ben sedosos e algo aseñoritados, como de madamita, con perdón. A propósito, estes días está moi feo, case de esconder, pois houbo que rapalo por culpa de que se lle enredou o pelo e estaba collendo pinta de ovella outra vez. Espero que lle pase pronto.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de maio de 1999.