La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Serán moitas as persoas que aínda se acorden daquel popular programa de radio dos anos cincuenta e sesenta, que se iniciaba coa Sinfonía do Novo Mundo e que estaba destinado a recadar fondos entre unha audiencia sentimental e lacrimosa para socorrer a xente necesitada. En dúas ocasións, a sorte tocoulle a Galicia. Na primeira, o diñeiro foi destinado a construír unha fábrica de chourizos en Melón; na segunda, tratábase de poñerlle un nariz novo, mediante cirurxía estética, a un camareiro de Santiago que tiña complexo de narigón.

Era un programa triste e bastante miserable, como o eran en xeral moitas das manifestacións culturais da época, cando a xente asistía feliz ao teatro para aplaudir con fervor as tonterías dramáticas de Alfonso Paso, elevado por aqueles espectadores entusiastas á categoría de heroe nacional da carraña. O mesmo sucedía no cine e outro tanto ocorrería algo máis tarde cando apareceu a televisión.

Onte mesmo, durante unha viaxe en coche, puiden escoitar a radio ao longo de varias horas. Comprobei sorprendido que volven estar de moda os programas que exhiben as desgrazas da xente. A unha señora velliña e soa botárona do piso por impago da hipoteca; a un señor de Oviedo quitáronlle os fillos e non llos deixan ver máis que unhas horas cada mes; unha bolboreta madrileña namorouse do home da súa irmá e chora desesperada… Vese que o aumento da renda per cápita dos últimos anos aínda non chegou ata o fondo das almas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de maio de 1993.