La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non sei por que, de neno ei pensaba que Franco tiña que ser un home grande, mesmo imponente, quizais porque esa era a imaxe que transmitían a prensa e a radio da época, empeñladas ambas as dúas en comparalo co Alexandre Magno, Xulio César ou Carlos V, cando non con Cicerón e Propecio. Tanta hipérbole no ditirambo acabou por crear na nosa mente un retrato fantástico da grandeza do xeneral, de xeito que non era estraño que os rapaces que non o coñeciamos tivéramos del unha idea mítica, conmo correspondía a un héroe moderno, vencedor dun país inmenso como Rusia.

A ignorancia en materia histórica e xeográfica levábanos a pensar, ademais, que a vistoria sobre o comunismo, proclamada a diario, tivera lugar sobre a estepa, onde Napoleón fracasara. Engadamos a isto os servizos prestados á cristiandade, algún deles pagado coa proba inequívoca da amizade divina en forma de milagre. Non resultaba raro, xa que logo, que os nenos da postguerra víramos a aquel campeón como un xigante ou un superhome, que era a envoltura corporal que por forza lle correspondía aunha persoa capaz daquelas proezas sobrehumanas.

Un día tiven que formar con outros nenos na esplanada do colexio para recibir ao Xefe do Estado, que viña a Ourense. Excuso dicir que estaba nervioso, case excitado. Cando o vin aparecer no balcón desde onde ía pronunciar unha palabras, a decepción foi absluta, pois á beira da figura maxestuosa do cardeal Quiroga, que o acompañaba, Franco parecía unha birria. Con todo, iso non foi o peor. No momento en que se puxo a falar, con aquela voz de flauta desafinada tan característica, entroume un ataque de risa tan histérico que só me puiden librar grazas á discreta labazada dun profesor, que impediu o escándalo. Aínda hoxe lle estou agradecido.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de maio de 1991.