La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non revelo ningún segredo se digo que de neno, como tantos rapaces do meu tempo, tiven a ilusión de ver a Virxe María. O día que chegou a imaxe de Fátima á parroquia de Beiro, onde eu pasaba unha tempada na casa dun tío, botei preto dunha hora mirando para ela, de xeonllos ao pé da miña nai, esperando un xesto, un movemento dos ollos, un sorriso. Nada; o único que se movían eran as pombas que acompañaban a Virxe, que ao final foron as que me compensaron en parte daquel desencanto tan grande.

Nun programa de televisión vin hai uns días un grupo de persoas maiores que aseguran ter visto a Virxe María. Deume a impresión de que algúns dos videntes eran xente extraviada, perdida nas partes máis escuras da súa propia confusión, entre o confesonario e a consulta do psiquiatra, pero case todos me pareceron sinceros.

Digo case todos, porque estou seguro de que un deles é un golfo. Pertence a ese tipo de xente que pode ver a Virxe, facer un pauto co demo, bañarse no Ganxes, reclamar hospitais para as formigas, enxalzar os mouros do deserto e pasearse feliz por Nova York. Todo xunto e revolto con tal de poder empoleirarse no alto das súas propias palabras, converterse en monumento de si mesmo e adorarse. Mesmo creo que non lle importaría darlle un empuxón á Virxe María para quitarlle o sitio no retablo dunha catedral.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de maio de 1994.