La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A primeira vez que me decatei de que os profesores poden descoñecer partes substanciais das materias que explican, pensei que era eu que me pasaba de listo. Foi nunha clase de bacharelato, nunha materia que non digo. Ao chegar á casa e comprobar que o meu profesor metera a pata, atribuíno a un despiste. Só moitos anos despois, cando eu me convertín tamén en membro da confraría, souben por experiencia propia ata que límites poden chegar as carencias dos que pretendemos acabar coa ignorancia dos demais.

É moito peor ser insensato. Como ese ilustre profesor ao que acabo de escoitar na radio dicindo que o golfo que estes días nos aburre coa exhibición desvergonzada dunha alma de quincalla, está escondido nun chalé da rúa madrileña de Arturo Soria, protexido polos servizos secretos para que non o atope a Garda Civil.

Que o citado profesor me pareza un insensato non é debido á información que deu, que pode ser certa; supoño que a Garda Civil estará investigando esa pista nestes momentos. O que me chamou a atención foi a súa falta de realismo e pouco sentido común, cedendo de forma gratuíta e desinteresada unha noticia que lle podía reportar algunhas ganancias. Hai unha emisora de radio que ofrece vinte e cinco mil pesetas* a quen adiviñe onde se esconde o paxaro. Despois de todo, marcar un número non custa tanto traballo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de maio de 1994.

(*) aprox. 150 €