La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns meses falei aquí dunha nena que temos na casa, filla da rapaza que nos axuda nas tarefas domésticas. Desde entón non dei noticias dela, aínda que algúns amigos me preguntan ás veces como vai e como se cría. A Deus grazas, críase ben, bonita e simpática, moi grande. Agora xa non dorme tanto, pasa máis horas esperta e facendo monadas, rindo ás gargalladas cando se lle fai un aloumiño ou poñendo cara de sorpresa e curiosidade conforme vai descubrindo o mundo, cousa que ocorre todos os días. Por exemplo, desde hai pouco recoñece o tic-tac do reloxo que hai no salón e accidéntase de alegría cando ve saír o cuco a cantar as horas.

Empeza a ser amiga dos cans. De momento, míraos con interese e ponse nerviosa de contento en canto se achegan a ela. Pola súa parte, eles tamén menean o rabo en sinal de amizade. Gustaríalles acercarse máis, cheirala de preto e xogaren todos xuntos, pero non o permitimos. Naturalmente, non se trata de que lle fagan mal, senón de que a manquen sen querer ou que lle metan medo cun ladrido.

Polo que respecta ás aprendizaxes, as cousas seguen o seu curso. O venres descubriu ese xogo que descobren todos os pequenos e que consiste en facer ruído a base de soprar cos labios pechados. Non sei como se chama, pero todo o mundo sabe como é, porque todos o fixemos e o vimos facer. O caso é que estivemos rindo ao observar con que furia practicaba esa novo descubrimento, un exercicio que a deixaba orgullosa e cansa. Ignoro o que supón esa aprendizaxe na formación futura da nena, pero confeso que nos produciu a todos a mesma satisfacción que se aprobase as Ciencias ou as Matemáticas, por poñer un par de exemplos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de maio de 1998.