La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven en Lugo para falarlle a un grupo numeroso de estudantes de como entendo eu isto da literatura. Nada especial nin do outro mundo: escribir con claridade e sinxeleza, sen máis florituras que as estritamente necesarias, e falar da vida. Despois do coloquio, que foi intenso e longo, con ducias de preguntas, achegóuseme unha rapaza de COU, loira e bonita, para que lle firmase un libro. Chamábase Alba. Cando rematei de facerlle a dedicatoria, apartouse a un lado, esperando que acabase de firmar para outros compañeiros, e logo preguntoume se me podía pedir unha cousa sen ser impertinente. Pediume que no artigo de hoxe falase deles.

Está claro que non me podía negar. O que pasa é que non sei  moi ben que podo dicir, a non ser o único dato que ela mesma me deu: que pertencía ao colexio das Xosefinas. Todo o demais, debo imaxinalo ou supoñelo, o cal tampouco resulta moi difícil. Pola actitude que tiveron, parecéronme rapaces e rapazas moi atentos e corteses, pois aturaron, entre conferencia e coloquio, case dúas horas.

Moitas das preguntas que me fixeron eran interesantes. Querían saber como se fai un escritor, cal é o libro meu que máis quero e por que escribo. As dúas primeiras non encerran  demasiadas dificultades, pero a resposta da última resulta complicada. Nunca souben por que escribo. Quizais porque se foi convertendo nun costume desde que un profesor me animou a facelo cando eu tiña doce anos; talvez porque me gusta contar historias ou porque me fun metendo nun círculo que me acabou atrapando. Tanto ten. O caso é que escribo e que, grazas a iso, podo pasar momentos tan gratos como estes que pasei onte en Lugo con Alba e os seus amigos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de abril de 1999.