La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando eu empecei a ir á tertulia de don Vicente Risco, alá polo ano sesenta, non me atrevía a falar demasiado, pois a parte de que estaba nunha idade na que case todos os rapaces son  tímidos, tampouco tiña moito que dicir. Naquelas xuntanzas, ademais, había un número bastante alto de señores que gozaban dunha fama merecida de sabios, como Ferro Couselo, Xaquín Lorenzo, Xosé Luís López Cid ou Ernesto Gómez del Valle. Polo tanto, o máis prudente parecía permanecer en silencio e escoitar.

Por se todo aquilo fose pouco, nas tertulias sempre hai persoas dispostas a falar por varios. En Ourense tiñamos algúns. Destes últimos, un deles pertencía á clase deses desbordados simpáticos, boa xente, laretas e trapalleiros, que ocupan eles sós o tempo dun batallón de infantería. De xeito que non resultaba difícil estar calado.

Un día, mentres eu facía un aparte co pintor Xosé Luís de Dios, que era tamén un rapaz, alguén lle preguntou a don Vicente por min. Discretamente, baixando a voz para que eu non oíse, Risco díxolle que falaba pouco e que iso era un bo sinal. Aquela tarde marchei moi contento para a casa. Agora, case cuarenta anos despois, estiven relendo algunhas páxinas do diario de  Jules Renard, cousa que fago de cando en vez. Atopei unha frase lacerante, aplicada a non sei quen: “Non fala, pero sabemos que pensa parvadas”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de abril de 1997.