La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Na miña vida vin borracheiras máis grandiosas que as do Pedrito o Zapateiro, un home pequeniño, solitario e triste, moi habelencioso e cumpridor no seu traballo, persoa xentil e compracente, pero que polas noites, cando deixaba o taller, bebía durante horas e horas sen parar; aínda que, iso si, sen perder nunca a educación. Quero dicir que tiña un viño amable e que cando collía a pítima espertaba dentro del un sentido épico do espectáculo que o levaba case sempre a botar emormes discursos reformistas e soflamas.

Non se contentaba con predicar na taberna; buscaba o espazo aberto das prazas, empoleirado nalgún alto que lle permitise compoñer o xesto fastuoso dun tribuno da plebe, coa voz cavernosa dun orador de masas e a énfase teatral dun deputado en Cortes dos de antes. O tema era sempre o mesmo: a agricultura na Limia e os beneficios que se poderían derivar da desecación da Lagoa de Antela.

Non sempre se limitaba a botar discursos. Unha noite, atravesada a súa fronte non se sabe ben por que raio de loucura, de madrugada armouse de paleta e nivel, e ladrillo vai, ladrillo vén, ergueu un muro no medio dunha rúa sen saída, impedindo que unhas señoritas velliñas, bondadosas e solteiras, puidesen ír á misa ao día seguinte. Estivo a punto de acabar no cárcere, pero salvouse a última hora precisamente por intercesión das citadas señoritas. A cambio coidáballes a horta.  Despois de todo, a súa paixón era a agricultura.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de abril de 1993.