La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven escoitando na radio o relato dun periodista que acaba de regresar de Ruanda. Visitou o cárcere máis grande do país e comprobou como nun espazo pensado para menos de mil presos hai nestes momentos oito veces máis, de maneira que tocan a unha cama para cinco persoas. Os que non collen, dormen no patio, tapados con cachos de plástico, agora que están na estación das grandes chuvias. Aos enfermos, por medo a contaxios, téñenos a parte, tamén ao aire libre, á beira dunha cloaca. Réganos cunha mangueira.

De Ruanda, unha nación católica, dise que é a máis piadosa de toda África. Non se entende ben como tanta piedade foi incapaz de parar toda esta loucura de mortes, venganzas e prisións inhumanas. Tampouco Bach, tan amado por algúns dirixentes nazis, lles serviu a estes para mellorarlles o corazón.  Claro que Bach non era Deus.

Con Deus algo debe ter, non obstante, un neno que atopou no cárcere este reporteiro ao cal me refiro. Ten sete anos e está preso, en espera de xuízo. Mentres tanto, morreron asasinados os seus pais, os seus avós e os seus tíos. O único irmán que lle quedaba morreu tamén, este na prisión. Cando o periodista descubriu o meniño no patio, pareceulle un vello. Achegouse e preguntoulle se podía facer algo por el, pois pensaba volver ao día seguinte. O neno mirouno desganado e díxolle se lle podía levar un caramelo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de abril de 1995.