La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Era unha revista que se chamaba Jóvenes, custaba unhas vinte e cinco pesetas ao ano e publicábase con carácter mensual. Un tío meu regaloume unha suscrición. Cando se achegaba a fin de mes, eu agardaba polo correo cunha impaciencia que me convertía nun pesado para os carteiros. Un día, un deles, farto de verme todas as tardes diante da ventaíña facendo a mesma pregunta, díxome con irritación e sen disimulo: “Calquera diría que estás esperando unha herdanza de Cuba”. Non se equivocaba demasiado.

A chegada daquela publicación supuña para min unha alegría moito maior que a da herdanza imaxinada polo carteiro. Aínda hoxe, cando os anos foron atemperando a intensidade das ilusións, cada vez que recibo algunha revista sinto unha emoción parecida a aquelas que sentía de neno cando me regalaban un xoguete.

Sucédeme cunha revista sueca que chega á casa todos os meses. Ultimamente, non obstante, non me gustaban os artigos dunha nova colaboradora, unha iugoslava que cultiva un  periodismo agresivo e faltón, como un berro de lobo na paz confortante daquelas páxinas. No mes de marzo chamoulle fea, gorda e mal vestida a unha famosa deputada. Dábame pena que os suecos se afeccionasen a este tipo de periodismo. No número que chegou onte, as protestas dos lectores restauraron a sabedoría.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de abril de 1996.