La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Desde a fiestra do despacho vexo unha pobre de pedir que está do outro lado da rúa, sentada case no chan, aproveitando unha ventá baixa do edificio de Correos. Trátase dunha muller delgada, duns corenta anos, ben vestida, con bo aspecto. O posto que ocupa parece excelente, xusto ao lado dos buzóns, formados polas cabezas de seis leóns de bronce coa boca grande e aberta. Cando vin por primeira vez esta señora, hai tempo, pensei que, a pesar da súa boa colocación, non lle ía ir demasiado ben na cousa de pedir. Parece pouco pobre, non ten cara triste, senón saudable, e non usa cartel. Por outra parte, nin sequera pide, simplemente está posta alí.

A miña sorpresa foi cando me decatei de que lle dan moito, sobre todo as mulleres. Bótanlle as moedas nun vaso de plástico que mantén agarrado coas dúas mans e que ás veces, cando se enche, baleira nun peto da chaqueta ou da cazadora, segundo os días, porque esta  muller cambia de roupa con frecuencia. Dáme a impresión de que ten clientes fixos, pois estes, en xeral, non se limitan a deterse uns segundos diante dela para deixarlle a esmola, senón que aproveitan para parar uns minutos e botar unha parrafada.

Ao principio, a escena, vista a distancia, resultaba desconcertante, máis que nada porque un non acababa de entender cal era a graza que lle permitía a esta señora, contra toda aparencia, conmover o corazón de tanta xente. Un día vino claro: é o sorriso. Trátase dun xesto alegre, precioso. Un verdadeiro capital, aínda que fráxil, e oxalá que lle dure. Se algo pode rachar con facilidade nesta vida, é un sorriso. Sobre todo o sorriso dun pobre.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de abril de 1999.