La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O novelista portugués José Saramago contoume nunha ocasión a historia de como morreu Oliveira Salazar. Este home, que vivía como un frade, nunha casa sen luxos, sentía un apego especial por unha cadeira vella de madeira, na que lle gustaba ler os periódicos. Foi precisamente esta cadeira a causante da súa morte. Rachou de súpeto, cando o ditador se entregaba á lectura dun xornal, e deu co corpo na terra, coa mala sorte de que bateu coa cabeza contra o chan e quedou inconsciente. Non espertaría nunca máis.

O sábado, cando deron na televisión as imaxes da incineración de Pol Pot, resultaba chamativo o procedemento seguido polos guerrilleiros para queimar o cadáver do seu antigo xefe e logo prisioneiro. Fixérono con dous pneumáticos, varios trapos, un colchón, unha manta, algúns cartóns, tres ou catro caixóns e unha cadeira.

Onte souben por un comentario que esa cadeira era o moble predilecto do morto e que a súa viúva quixo que fose queimada con el. Non hai ninguén, por monstro que sexa, que non teña corazón. Cando o proceso de Nürenberg, o mundo aprendeu que había xerarcas nazis, responsables dos campos de concentración, que choraban pola morte dun canario. Demasiado fácil e sospeitoso. A min paréceme máis auténtico que un home tan cruel como Pol Pot, responsable de tantas mortes, sentise debilidade por unha cadeira.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de abril de 1998.