La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns días, nunha viaxe a Ourense, atopeime pola rúa a un antigo compañeiro de bacharelato, agora convertido en carpinteiro. O pobre tiña fama de burro, aínda que non coñecín a ninguén que estudiase con tanto fervor, mesmo coa actitude de comer materialmente os libros. Puña os cóbados sobre o pupitre, agarraba a fronte coas mans e despois recitaba en voz alta, movendo os labios como un coello, frases absolutamente triviais, que tiña que repetir centos de veces antes de aprendelas. Por exemplo: «Cristóbal Colón descubrió América. ¿Quién descubrió América? Cristóbal Colón».

O peor é que despois dun esforzo tan descomunal, chegaba á clase, o profesor preguntáballe a lección e el dicía: «Cristóbal Colón puso sitio a Viena». Un desastre. Eu oínlle disparates inesquecibles, como un día que na clase de ciencias naturais dixo que o corazón estaba formado por catro paredes musulmanas. Noutra ocasión o profesor de relixión mostrounos un cartel do Domund que representaba a un sacerdote negro e preguntounos se sabíamos quen era. O noso compañeiro, sen dúbida emocionado por poder contestar antes que ninguén, dixo que era Adán.

Con frecuencia atópoo en Ourense. Agora é un home ben mantido, de aspecto bonachón, tranquilo e cun certo aire de persoa feliz. Hai anos, a primeira vez que o vin despois dos anos de bacharelato, pregunteille que facía e contestoume que era carpinteiro, aínda que sen sorte, porque o primeiro encargo que lle fixeran fora un carro e saíralle un armario. Supoño que se trataba dunha broma, porque a un terceiro amigo fíxolle unha obra importante na casa e fíxolla ben. Chamoulle a atención, eso sí, que ao rematar o traballo lle pedira prestada unha Divina Comedia que había nunha estantería.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de abril de 1991.