La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día falei aquí de palabras e atopeime, como esperaba, que a moita xente lle interesan os asuntos relacionados coa linguaxe. Non recordo se foi Alfonso Reyes quen dixo que se durante unha tertulia ou reunión decae o tema da conversa, ou ben porque alguén se poña a falar das súas experiencias vividas no cuartel con motivo de cumprir o servizo militar ou porque a algún dos asistentes se lle ocorra poñerse a contar con detalles unha película, o mellor é sacar un tema relacionado coa lingua.

De maneira automática, todo o mundo se interesa e a reunión anímase de novo. Debe ser certo porque eu xa o comprobei en bastantes ocasións. A propósito do artigo do outro día falei destes temas con varias persoas. Sempre me chamou a atención que os meus fillos, que son suecos de nacemento, lle chamasen aos seus avós nórdicos con dous nomes distintos, expresando na lingua a mesma pluralidade que existe na realidade, é dicir, “mormor” (nai da nai) e “morfar” (pai da nai).

Aquí utilizamos idéntica palabra para os catro, pero que son distintos. Por iso sempre me preguntei se entende o mesmo un neno que ademais de ter unha “mormor” e un “morfar”, por citar os exemplos anteriores, ten tamén un “farfar” (pai do pai) e unha “farmor” (nai do pai), que o rapaciño que ten simplemente catro “avós”. Supoño que non, pois non parece o mesmo chamarlle a alguén “nai da nai”, un significado diáfano, que “avó”, que non leva implícito o que quere dicir. Outro asunto que sempre me intrigou é saber por que nalgunhas enfermidades relacionadas coa linguaxe a palabra “eu” é a última en perderse. Paréceme que debera terse como un atenuante para os ególatras.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de abril de 2000.