La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O periódico italiano La Voce, que dirixe Indro Montanelli, publicaba o domingo pasado a historia dun neno ao cal non lle está permitido ver a televisión. Cando os seus pais se sentan diante da pantalla para distraerse cos seus programas preferidos, el debe retirarse ao seu cuarto e dedicar ese tempo a outro tipo de actividades: ler un libro, tocar o violín, escoitar música ou simplemente non facer nada. O neno, non obstante, non protesta, porque non se trata dun castigo, senón dun programa pedagóxico.

Os pais do neno, que queren que o seu fillo sexa feliz, elixiron o mellor colexio que encontraron para darlle a educación máis conveniente destinada a conseguir ese fin. Trátase dunha escola que segue as teorías dun pedagogo austríaco de prestixio, que impón como norma fundamental que os nenos non vexan a televisión.

Supoño que será un experimento máis, probablemente destinado a fracasar, como case todos os que o precederon. Mentres tanto, moitos pais ricos participan nel. Algúns, por seguir a moda; outros quizais porque cren na bondade dese sistema. Resulta difícil saber por que o fai Berlusconi, o magnate da televisión, que é o pai dese neno do que falabamos. Se non fose porque os italianos o elixiron masivamente para acabar coa corrupción no seu país, un estaría tentado a pensar que se trata dun caso de cinismo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de abril de 1994.