La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Este ano aínda non escoitei o canto do cuco, o cal me trae algo desconcertado, pois a estas alturas xa debía andar por aquí. Teño preguntado a algúns veciños e todos coinciden en que aínda non chegou; mesmo un deles me ten dito que cando  el era neno, os vellos aseguraban que estes atrasos eran sinal de que o verán tamén se ía atrasar. Na súa opinión persoal todo anda tan revolto, sobre todo as cousas relacionadas co clima, que non lle estrañaría que iso afectase tanto á vida da xente como aos costumes dos paxaros.

Alá en Sabucedo, cando eu era rapaz, había un home moi traballador, dos que empezaban o labor ao romper do día e que non remataban ata os pechos da noite, que por este tempo procuraba madrugar aínda máis, pois cría firmemente que se o primeiro canto do cuco o pillaba antes de tomar o almorzo, entón sería vítima dunha preguiza que o convertería nun auténtico calaceiro para todo ano.

O cuco goza de mala fama, pois é ben sabido que pon os ovos en niño alleo. Unha vez incluso lle oín dicir a Ánxel Fole que o tal paxaro tiña aspecto de frade italiano, concretamente florentino, co cal quería significar que era intelixente e pecador. A verdade é que ten cara de senvergonza. Non obstante, a min gústame máis velo a través da lenda piadosa, existente en Galicia, que considera que se a femia do cuco non choca os ovos, é porque non ten calor dabondo no peito para lograr a polada. Claro. Xa está ben de tanto condenar.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de abril de 1993.