La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Volvendo ao tema dos santos, do que falamos onte, eu fun moi devoto, cando era neno, de Santa Mariña de Augas Santas, que é a patrona de Xinzo de Limia. Un amigo do meu pai, Luís Otero, puxo a vida desta mártir en verso, que eu cheguei a saber de memoria. Recordo que aquel libriño falaba dun pretor romano que pretendía a alma da mociña e que, ao non conseguila, decretou a súa morte. Queimárona nun forno, pero a rapaza fuxiu por un buraquiño, creo que convertida en fume. Despois, cortáronlle a cabeza.

En Santa Mariña de Augas Santas, unha aldea situada a uns cinco quilómetros de Allariz, gárdanse moitos recordos desta virxe venerable. En primeiro lugar, o forno, pero tamén a marca dunha orella que quedou impresa nun penedo cando a santa fuxiu do lume e o pozo de auga fresca que fixo a cabeza despois de producirse a decapitación.

Con todo, o obxecto máis querido polos veciños daquela parroquia é un carballo que precisamente se chama O Carballo da Santa. Sempre se dixo que botaba sangue cada vez que o querían cortar. Alá nos anos cincuenta, eu tiven que fuxir correndo da aldea, xunto con cen compañeiros máis, todos nenos de doce ou trece anos de idade, porque lle plantamos lume á reliquia. Por suposto, que foi un accidente, pero as xentes do lugar entendérono como unha provocación. Menos mal que Santa Mariña nos protexeu.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de abril de 1997.