La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando lin por primeira vez Platero y yo de Juan Ramón Jiménez, antes de abrir o libro tiven que cumprir coa norma obrigada de pasarllo a un profesor, cura por máis señas, para que decidise se o podía ler sen que correse moito perigo a miña saúde espiritual. Devolveumo aos poucos días con algunhas palabras tachadas con tinta china. Naturalmente, fixen o imposible por averiguar o que puña debaixo daqueles borróns tan ben trazados. Eran bobadas. Unha das frases dicía que a lúa lucía o seu branco vestido de noiva.

Algo parecido sucedeu con outros libros, algún dos cales aínda debe andar mutilado pola casa. Os máis atrevidos, non obstante, como El extranjero, de Camus, non resistiron a proba da tinta e fóronme decomisados. A medida non serviu para nada: agardei o verán e pedino prestado. A verdade, tampouco era para tanto.

Sei agora que nos Estados Unidos desterraron das escolas As aventuras de Huckleberry Finn, unha novela que me fixo pasar horas moi felices na infancia, navegando coa imaxinación polo Mississippi abaixo. A razón son algunhas frases que se refiren aos negros nun ton que hoxe se considera incorrecto. A cambio, danlle a ler aos rapaces unhas obras impecables, onde cada palabra está coidadosamente meditada. É a mellor maneira de que lean os bos libros ás escondidas, que é como máis prestan.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de marzo de 1996.