La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día escoitei na radio unha señora, veciña dunha muller maltratada, que dixo referíndose á pobre da vítima: “Es una infeliz que no tiene culpa de nada, limpia y trabajadora”. Naturalmente, pero nesa maneira de falar quedan reminiscencias inconscientes dunha cultura na que, se fose culpable de algo, sucia, por exemplo, a citada muller podía recibir uns golpes merecidos. Nun dos libros máis fermosos que se escribiron en castelán, El Carnero, unha obra rara e pouco coñecida do século XVII, abundan os exemplos.

O seu autor, o colombiano Juan Rodríguez Freyle, cronista fiel daquela época, conta bastantes historias de ciumes e adulterios que xeralmente rematan con espada. Por iso escribe que “peligrosa cosa es tener la mujer hermosa, y muy enfadoso tenerla fea, pero bienaventuradas las feas”. É dicir, a culpa de ser bonita.

Nun dos episodios que narra, hai un mestizo xordo e mudo, que anda montado a cabalo dunha cana, como se esta fose un cabalo. Un día, na mansión dun principal asiste ao sacrificio dun becerro, en preparación dunha festa, estando ausente o dono da casa. Cando o rapaz vai de retirada, atopa o señor, que lle pregunta con acenos de onde vén. O mozo pon as mans na cabeza, como se fosen cornos. Enlouquecido, o cabaleiro corre ata o pazo e mata a muller a coitelazos. Conclúe Rodríguez Freyle: “Sin tener culpa ni merecerlo”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de marzo de 1998.