La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un amigo, profesor de literatura española, déixame ler, máis desolado que divertido, o exame dun alumno de segundo de bacharelato. Tratábase de escribir un folio sobre Antonio Machado, previas tres horas de explicación, nas que se incluía unha biografía fácil, con moitas anécdotas, a lectura dunha crónica sobre a estancia do poeta en Valencia, durante a guerra, co detalle de que, a falta de tabaco, fumaba as follas secas das plantas que había na horta da casa onde vivía, e o comentario de varios poemas sinxelos.

O que pretendía o profesor, segundo me confesou, era moi simple: que os alumnos aprendesen que existiu un poeta chamado Antonio Machado, que fora vítima da brutalidade e a intolerancia, razón pola cal se veu obrigado a marchar ao exilio, e que escribira algúns poemas fermosos, de lectura pouco complicada. Nada máis.

O que quedou do esforzo do profesor reduciuse a un disparate. Para o seu alumno, se Deus non o remedia, un poder só humano parece resultar insuficiente, Antonio Machado será sempre un señor que estivo no cárcere, onde morreu a consecuencia dunha pelexa de orixe escura, aínda que non se descarte tampouco que en realidade morrera fusilado. Segundo me dixo o meu amigo, non era o peor dos exames. Algún día haberá que preguntarse se isto do ensino da literatura, e outras cousas, serve para algo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de marzo de 1994.