La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A momia de Lenin, tal como eu a vin en Moscova hai tempo, era a dun morto ben conservado, sen enrugas na cara, con algo de colorete nas meixelas e cos labios un pouquiño encarnados. Non parecía propiamente un cadáver, senón un señor durmido, co rostro apracible e sosegado. A guía que me acompañou naquela visita, unha mociña que respondía polo nome de Tamara, díxome que nun piso máis abaixo había un instituto científico dedicado a facer os estudos pertinentes para conservar a momia mil anos.

Poucos meses despois daquela visita, estando en Liverpool, vin na televisión unha reportaxe sobre o embalsamamento de Lenin. Non foi, polo visto, cousa fácil. Ao principio, os responsables non lograban controlar o proceso, de maneira que o morto estaba cada vez máis feo, con enrugas que o avellentaban e con cara de avinagrado.

Por iso non permitiron velo durante unha tempada. Cando o amosaron de novo, Lenin rexuvenecera trinta anos e tiña xa ese aspecto de home tranquilo que lle vin eu. Para conseguilo, parece que lle aplicaron quilos de ceras, pinturas e vernices. Comparado con san Serxio, que se conserva como unha pasa en Zagorsk, Lenin semellaba un actor de cine. Agora queren enterralo definitivamente. Non é sen tempo. As momias, como as persoas, teñen dereito a envellecer nobremente, sen cirurxía plástica.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de marzo de 1997.