La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunha pequena vila americana de pouco máis de cinco mil habitantes, no estado de Xeorxia, xusto na metade dun prado onde antes pacían as vacas dun granxeiro, a Virxe María aparecéuselle a unha enfermeira de corenta anos. O día 13 de cada mes, aniversario do acontecemento, unha multitude de xentes chegadas de todo o país acércanse ao lugar para asistir de preto ao prodixio. Unha parte moi considerable son enfermos desafiuzados que acoden en busca dun remedio que a ciencia, penúltimo recurso, xa non lles pode dar.

Naturalmente, entre todos estes peregrinos, ademais de eivados e crentes, hai tamén unha alta porcentaxe de curiosos. Cando a vidente anuncia por un altofalante que a Virxe María está descendendo desde o alto do ceo, de súpeto miles de cámaras enfocan cara ao firmamento e durante varios minutos póñense a filmar ou a facer foto tras foto na mesma dirección en que miran os ollos arrebatados da elixida.

Un destes fotógrafos xa dixo que todo era unha farsa: na súa película non hai rastro da Virxe María. Unha mostra de racionalistmo salvaxe, a consagración absoluta da electrónica por riba do misterio. Nada novo, por certo. No século XVIII, un toliño francés chamado Luc Panassié pretendía demostrar a falsidade do misterio da eucaristía cun experimento que lle parecía irrebatible: se a hostia consagrada se convertía no corpo de Cristo, entón aquela tiña que ser forzosamente a capacidade nutritiva de varios quilos de bistés.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de marzo de 1993.