La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Observo que en Madrid os pobres están evolucionando. Nas rúas do centro vense moitos, case todos especializados nalgunha forma nova de pedir. Hainos que soben en calquera lugar elevado, unha papeleira, por exemplo, pintan a cara de cores e imitan as estatuas; outros prefiren facer movementos mecánicos, como se fosen robots. Vin tamén algúns que dan saltos e pinchos no aire, polo que deduzo que lles debe ir bastante ben, pois para realizar ese tipo de exercicios acrobáticos cómpre estar ben alimentado.

Na escala máis baixa da mendicidade, é dicir, entre aqueles  que non dan nada a cambio das moedas que piden, nótase tamén un cambio. En primeiro lugar, son bastantes os que exhiben algún tipo de graza, como pode ser apoiarse nunha única perna ou poñerse de xeonllos coa vista cravada no chan e a man implorando.

Paréceme que lles vai mellor a aqueles que a estes últimos.  Os primeiros teñen as caixas cheas de cartos, incluídos algúns billetes; os outros non suman máis que calderilla desa minúscula que hai agora. Supoño que a xente entende que nuns casos se trata de traballadores ou artistas que merecen o que gañan e que os demais non son outra cousa que vagos ou mangantes dedicados a explotar a piedade das almas inocentes. En fin, que os pobres que non sexan capaces de evolucionar vano pasar moi mal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de marzo de 1994.