La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Leo un divertido traballo sobre comellóns e cuchipandas. Polo que se ve, en cuestión de incontinencia gastronómica, todos os excesos son posibles. Postos a comer, hai individuos capaces de realizar fazañas que sobrecollen pola dimensión do desatino, de xeito que se pode dicir que non hai outros límites para o estómago que os que marca a imaxinación humana, unha fronteira volátil que sempre queda lonxe. Ao longo da historia tense comido de todo, mesmo cousas que non teñen que ver cos reinos animal e vexetal, incluído o ouro.

O Rei Sol, Luís XIV, por exemplo, era un bárbaro na mesa. Un menú bastante habitual deste rei de Francia consistía en catro pratos de sopas diferentes, un faisán enteiro, unha perdiz, unha fonte de ensalada, un pernil de año en salsa de allo, dúas talladas grosas de xamón, unha fonte de pasta, froita e doces.  Por riba, unha amante botáballe polvos no viño para poñelo a punto en cousas de amor.

En Galicia aínda se ven pola rúa algunhas ruínas gloriosas nisto do deleite de comer, vellos guerreiros derrotados pola glicosa e o colesterol, antigos heroes vencidos finalmente polo ácido úrico, as úlceras e a hipertensión. Son as vítimas inocentes dunha candonga puritana que nunca perdoa, como se darlle  gusto ao corpiño fose un pecado que hai sempre que pagar. Nada diso; só unha homenaxe ao que a vida ten de agradable, ese reino de paz onde nunca entran os que pecan de verdade, é dicir, aqueles que sempre pecan en seco.