La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O xoves pola tarde, en Pontevedra, despois dun acto público, atopeime cun amigo da infancia ao cal había algún tempo que non vía. Presenteillo ás persoas que me acompañaban e unha delas, sen máis, preguntoulle medio de broma se aínda non o sacara nunca na galería de personaxes de Xinzo que ás veces aparecen nesta sección de cada día. Cando lle respondeu que non, decateime de que, efectivamente, nunca falei del aquí, a pesar de que pasamos a nosa nenez xuntos, case como se fósemos irmáns.

Este amigo, Domingo Romero, vivía nunha casa vella. Había nela dúas cousas moi divertidas: a primeira, un tren eléctrico; a segunda, un avó que parecía sacado dunha novela, tanto polo seu aspecto venerable, pelo branco e bastón con empuñadura de prata, como pola maneira de falar: voz suave de caricia.

Sempre me quedou unha frustración con aquel home. Entón eu non sabía, porque era neno, que fora el o maxistrado que condenou a José Antonio Primo de Rivera por tenencia ilícita de armas. ¡Pensar que pasei horas e horas con aquel velliño sen coñecer o seu drama! Digo drama porque estivo a punto de perder a vida, pasou polo cárcere e foi apartado da carreira durante anos. Quero pensar que non lle quedou amargura. Dígoo porque ao neto só lle chegou unha herdanza de placidez acolledora. A mesma que eu recordo no avó.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de marzo de 1998.