La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cóntase que nunha ocasión o chanceler Bismarck saudou pola mañá un dos seus colaboradores con esta frase: “Non pudiden durmir nin un só segundo; estiven odiando toda a noite”. É un dito que reflicte bastante ben un dos aspectos máis característicos da personalidade do político prusiano, aquel home de ferro que estaba convencido de que as persoas eran como os cans: só aman a quen temen. El aseguraba que non podía vivir sen ambos sentimentos: o amor á súa muller e o odio a Windthorst, o xefe do partido do Centro.

Pero ademais do primitivismo que se desprende destas frases, o píncipe de Bismarck era ao mesmo tempo un home sensible e delicado, como se pode apreciar lendo as cartas de amor que lle dirixiu á súa muller, nas que lle chama gatiña e un día lle confesa que está feliz porque unhas horas despois vai comer linguado.

Do que non hai dúbida é de que Otto von Bismarck era tamén unha persoa aguda e ocorrente. Cando derrotou aos austríacos na batalla de Sadova, un ministro daquel país dixo que nas reunións que se celebraron para firmar a paz o chanceler non lle puidera resistir a mirada. Así que o soubo este, respondeu: “O que non lle puiden resistir foi a boca, que lle cheiraba a podre”. Non é unha frase amable, certamente, pero sálvase polo enxeño. Nada perecido ao que sucede co señor Anguita, que dixo do ministro de Xustiza que era parvo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de marzo de 1995.